mércores, 27 de agosto de 2014

O CASTRO DO ALTO DOS CUBOS E O MONTE ALOIA

Vista do Castro do Alto dos Cubos (dirección Oeste-Este)
Nesta pescuda amósovos a realidade arqueolóxica desta rexión meridional da provincia de Pontevedra, o Val da Louriña, na que atopamos diversos vestixios arqueolóxicos de distintas etapas da prehistoria e da historia.
Neste artigo, centrareime na prehistoria, en concreto, en varios castros da idade do Ferro, os cales circundan o val e o controlan dende a súa posición, sendo algúns deles, o sito no Faro de Budiño, o castro do Alto dos Cubos, o castro de Torroso, entre outros. Esta primeira parte adícase ao Castro do Alto dos Cubos ou de Cabeza dos Francos, no Monte Aloia, mais antes de comezar situémonos no espazo e falemos un anaco do Val da Louriña.
Este val constitúe o primeiro tramo da depresión Tui-Padrón polo sector meridional, conectando así diversos concellos, como o de Tui, O Porriño, Mos, Redondela e Pazos de Borbén.

Así, disponse de maneira lonxitudinal ao longo duns 20 km, sendo protagonista o río Louro, que discorre por este val dándolle nome, sendo ademais un dos afluentes do río Miño pola marxe dereita no seu último tramo. Co seu nacemento en Pazos de Borbén e a súa desembocadura en Tui, o Louro deixa unha serie de lagoas nas Gándaras de Budiño, testemuñas mudas dos primeiros asentamentos no val que datan do paleolítico. É así que a súa conca, duns 174 km² de superficie, deixa uns terreos fértiles para a agricultura e onde a fauna e a flora diversa convive neste paraxe natural aportando, a esta zona, agora, industrial, parte da beleza ecolóxica da que puido gozar o terreo en tempos prehistóricos. Estas características fixeron idóneo o emprazamento para, primeiro, os homes do paleolítico, segundo, os homes do bronce, chegando así aos castrexos, sendo os seguintes, mais non os últimos poboadores, e que viron nos seus asentamentos un lugar de control sobre o val, en diversos sectores do mesmo, e un abastecemento da poboación garantido pola agricultura xerada nestas terrazas fluviais de grande fertilidade.

Ubicación do val no contexto xeográfico galego (en amarelo)
O Val da Louriña (marcado en verde)

Ademais, o Val da Louriña, é un paso sinxelo para aqueles que quixeran acceder á ría de Vigo e máis ao norte de Galiza pola costa das Rias Baixas, xa que no marxe occidental, o val esta pechado pola Serra do Galiñeiro e polo Monte Aloia. Tamén destacar que máis ao occidente do val atópanse a Serra de Argallo que fecha dende A Guarda ata Tomiño o paso cara o norte, conxuntamente coa Serra da Groba, que dificulta máis o paso, e o Monte Aloia, que fecha dende Tui cara Tomiño, deixando unha orografía complexa e impracticable para tarefas de comunicación e comercio. Namentres, o marxe oriental do val, queda resgardado por unha serie de montañas, nas que se atopa o Faro de Budiño, e que dan comezo en Salceda de Caselas, rematando entre Mondariz, Pazos de Borbén e Ponteareas, coa chamada Serra de Galleiro. Esta serra é a que fai que o igualmente fértil e practicable Val de Salvaterra, polo que discorre o río Tea, quede relegado a un segundo posto, como paso cara as Rías Baixas, xa que fecha o val polo norte e incomunica ámbolos dous vales. Como apunte, o castro de Troña, analizado nun artigo anterior, serviríase da posición privilexiada que ten sobre este último val, para controlar o paso entre montañas no seu sector norte e mantendo unha panorámica da serra do Galleiro e de parte do val enfronte del. Volvendo ao tema, o Val da Louriña, estando encaixado entre varios sistemas montañosos e sendo a vía rápida coa Ría de Vigo, constitúese como área de relevancia nos contactos entre o noroeste de Portugal e as rexións marítimas de Redondela e Vigo. É así que por este val discorreu unha vía romana, a Vía XIX, realizada en tempos de Augusto, e máis tarde, o Camiño Portugués trazouse por este val, levándonos ata Santiago de Compostela, polo que ao longo da historia coñecida, o río Louro serviu de guía ás civilizacións que chegaron aquí e o seu val constituíu o fogar dalgunhas delas.

Vía XIX (marcada en violeta)
O Camiño Portugués no seu paso polo Val do Louro

Con isto rematamos o repaso xeográfico e orográfico da terra do Louro, para achegarnos ao lado histórico do val, representado pola sucesión de castros, xa mencionados, que aportan a realidade da idade do Ferro aos nosos días. Comecemos co castro do Alto dos Cubos, sito no Parque Natural do Monte Aloia, no concello de Tui, atopándose no extremo dunha elevación duns 263 metros de altitude, no marxe sureste do dito parque natural. En tanto ao acceso, tomamos como punto de referencia o centro de Tui, no cal se sinaliza o devandito castro con carteis de dirección violetas, dirixíndonos así cara a entrada do parque natural dende o sur. Temos que seguir polo camiño sinalado no mapa ata chegar a Frinxo, onde tomaremos unha saída a dereita, no cal aparece un sinal cun castro debuxado, mostrándonos que o castro esta preto. A partir de aquí viraremos outra vez a dereita, e no caso de ir nalgún vehículo, deixarémolo aparcado neste punto, xa que nos espera un traxecto sen asfaltar e en pleno monte duns 900 metros ata o castro. Seguindo este tramo, chegaremos ata un panel informativo sobre o castro, só teremos que avanzar por unha lixeira costa na marxe dereita do cartel e xa chegaremos o Castro do Alto dos Cubos.

Acceso ao castro dende o centro de Tui (castro sinalado en vermello)

Detalle da ubicación do castro (estrada sen pavimentar en amarelo)
Entrada ao castro co panel informativo

Este castro domina, dende o seu emprazamento, a cidade de Tui, divisándoa, e controla o río Miño a súa vez, ademais goza dunha vista do Faro de Budiño e das Gándaras de Budiño, tendo contacto así, dende o sur, co val da Louriña. En primeiro lugar, cabe destacar que o castro do Alto dos Cubos non foi o único do lugar, xa que téñense rexistradas unhas cinco citanias en total nos arredores do Parque Natural, e no Alto de San Xulián, a uns 630 metros de altitude, atoparíase, supostamente, outro castro de dimensións superiores o resto, xusto no punto máis alto do Parque Natural. En tanto a denominación do castro, do “Alto dos Cubos”, deriva do nome do monte onde se atopa, e no cal, os “Cubos”, podería vincularse ás propias edificacións castrexas. Por outro lado, temos a denominación “Cabeza dos Francos”, que vincúlase a etapa de dominación napoleónica, na cal os franceses ocuparon temporalmente esta rexión, deixando a súa impronta no topónimo que se lle outorgou ao castro, “dos Francos”.

Vistas de Tui dende o castro

Panorámica das Gándaras de Budiño e do Faro de Budiño

O xacemento atópase semiabandonado e parcialmente escavado, deixando así a vista, tres vivendas circulares, das que dúas conservan o vestíbulo, ademais de parte da muralla no seu sector norte, moi preto dos habitáculos, e que queda lixeiramente ao descuberto. Tras esta muralla, atopamos unha pendente pronunciada, que permite unha maior protección do poboado. O resto da croa, onde nos atopamos, queda cuberta por herba baixa e por un cúmulo de pedras no sector este, xunto cunhas marcas de canteiro, das que falamos nun artigo anterior, máis ao este nunha gran rocha. O xacemento datárono de entorno o II ou I século a. C., chegando a perdurar ata trescentos anos máis a partires desa data, sendo seguramente un dos puntos de control romanos sobre o sur da Galiza, pero a falta de estudos sobre o lugar, que foi escavado en 1933, fainos xerar unha serie de teorías mais que unha certeza manifesta.

Vista do castro (Google Maps)
Terraplén no sector Norte
Cúmulo de rochas no sector este
Marcas de canteiro

Mais, o que chama poderosamente a atención, é unha das dúas rochas no medio do xacemento, estando unha tumbada e con marcas de canteiro na súa parte inferior, e a outra, a destacada, de maiores proporcións e ao carón dunha das vivendas. Esta última, aparece cuberta na súa parte superior e lateral con as chamadas cazoletas, un tipo de gravado que consiste na extracción de pedra, deixando unha superficie cóncava na rocha, ademais dun muíño navicular fixo, previsto para moer o gran, e que se sitúa nunha superficie lisa e horizontal da rocha. Aínda que o muíño só nos recorde a súa función práctica, a miúdo moitos destes muíños fixos atopámolos en áreas practicamente inaccesibles e montañosas, gardando así unha posible función ritual, na que moitos expertos vinculan isto a unha posible cerimonia de iniciación dos xóvenes cara a etapa adulta. Ámbolos dous tipos de gravados atópanse ligados a etapa neolitica e a Idade do Bronce, o que nos pode xerar tres posibles teorías sobre a orixe destas marcas no xacemento: A primeira, lévanos a pensar que os gravados foron realizados no Neolítico ou na Idade do Bronce, e por tanto este área pertencería ás tantas centos de áreas que gardan un pasado simbólico e relacionado a aspectos rituais ou de iniciación, como apuntamos anteriormente, e coa chegada castrexa a esta rexión, puido conservarse o seu simbolismo ou, no caso do muíño, puido usarse con fins prácticos.
A outra teoría, sería vincular os gravados a propia Idade de Ferro, neste caso ao século II a. C., data na que chegan os castrexos a zona, e polo cal o seu significado sería simbólico e ritual no caso das cazoletas, mentres o muíño podería manter unha función práctica, en detrimento da función ritual que podería adquirir. Mais, neste razoamento a sacralidade da propia pedra veríase afectada pola función práctica do muíño, e por tanto pode que en términos obxectivos o muíño puidese servir como elemento ritual. Como última teoría, podemos dicir que ámbolos dous gravados poderían pertencer a tempos diferentes, o que xera discusións sobre a ritualidade ou practicidade do muíño, tendo en consideración o simbolismo das cazoletas sempre latente en tódolos casos. Nas tres teorías, a propia pedra, polos seus gravados, podería gardar un simbolismo importante, e é posible que servise nalgún momento como obxecto dalgunha cerimonia relixiosa e incluso que as lendas circulasen entorno a ela, máis aínda no caso de que pertencese a unha época anterior a da ocupación castrexa.

Cazoletas (parte superior) e muíño navicular (parte inferior)
Cazoleta e círculos concéntricos no interior da vivenda
Vivenda con vestíbulo

Habería que destacar, que en moitas ocasións atopámonos con cazoletas ou outro tipo de gravados dentro dos perímetros dos castros, sendo así un feito xeneralizado e non illado do mundo castrexo, acontecendo de igual forma ao longo do val do Louro, como vemos no castro de Mos, onde podemos observar unha serie de cazoletas en varias pedras do lugar. No caso do Alto dos Cubos, deixando ao marxe as cazoletas da rocha do medio do xacemento, temos unha serie de círculos concéntricos e unha cazoleta no centro da rocha base que sustenta unha das vivendas do castro. Situándose no interior do habitáculo, nos leva a unhas consideracións rituais, tamén, xurdindo a dúbida, outra vez, sobre a orixe destes gravados, xa que non se pode considerar que se vincule directamente ao tempo do edificio, podendo pertencer, tamén, a idade de Bronce. 
En tanto a outros aspectos, temos pouca información específica sobre este castro, tanto a nivel social, económico ou político, sendo pura suposición o que se plantexa a continuación.
Estando preto do río Miño, puideron exercer labores de pesca no seu traxecto que linda coa actual cidade de Tui, conxuntamente con labores de agricultura nas fértiles terras que van dende Pazos De Reis ata as beiras do río. As labores habituais dos castrexos estarían representadas neste castro, ben curtindo peles, fabricando útiles pétreos e metálicos, ou neste caso, realizando posibles traballos relacionados coa cantería, ao situarse nun espazo natural onde os afloramentos rochosos son habituais.


LENDAS ARREDOR DA HISTORIA TUDENSE
Os tudenses a miúdo atribúen a este castro a orixe do poboamento no concello, outorgándolle así o xerme da actual cidade de Tui, que chegan a relacionar incluso cos gregos, concretamente con Diomedes, fillo de Tideo, collendo deste último o nome para a cidade. É con isto que non só a fundación esta chea de lenda, senón que o Monte Aloia tamén garda outro misterio, se queremos chamalo así. A muralla que supostamente circundou a croa da montaña, e da que hoxe en día só conservamos uns 300 metros, aínda non ten un orixe coñecido e múltiples teorías e lendas rondan sobre ela. Denominouse muralla ciclópea a esta construción, pola súa composición con pedras de gran tamaño e sen argamasa, tendo unha configuración tosca, sinxela e con pedras pouco traballadas, ademais realiza un aproveitamento dos penedos da zona, os cales integra no perímetro do muro. Algúns estudosos atribúenlle unha lonxitude duns tres kilómetros a dita muralla, co que superaría á muralla de Lugo, outros estiman a súa lonxitude en 1250 metros, mais ámbolas dúas cifras baséanse en estimacións e non en certezas.



Imaxe satélite do resto da muralla

Volvendo a súa orixe, algúns autores apuntaron que puidese ser o castro atacado polos romanos durante a batalla do Monte Medulio, mais non se considera esa posibilidade debido a toponimia e a enormidade do xacemento, considerado dunhas 30 hectáreas, e sen atopar no mundo castrexo un castro de iguais proporcións. Malia todo o debate xerado, deixaremos este tema para outra pescuda. Poderíase estimar que fose un xacemento romano, mais a súa rudimentariedade e a falta de probas, fan que non se sosteña, de momento, esta posibilidade. Outros consideran que poida ter un orixe tardorromano ou altomedieval, servindo quizais como refuxio da poboación nunha etapa de inestabilidade política e económica, agudizada polas invasións bárbaras do século III e IV d.C. Temos coñecemento de que o Monte Aloia serviu de refuxio para os tudenses ao longo da historia, por tanto a teoría non vai mal encamiñada, mais sen probas concluíntes todo queda en suspense. Tamén poderíamos considerar a opción de que fose un recinto real, como o que puido realizar o rei visigodo Witiza, entre o 694 e 710 d.C., co establecemento da súa corte en Tui, e co que puido deixar a súa impronta tamén na toponimia, na parroquia aos pes do dito monte, chamada Pazos de Reis. Estas son algunhas das hipóteses que poden barallarse entorno a orixe da muralla, mais ata que realicen estudios serios sobre a dita estrutura e sobre o entorno no que se atopa, non poderemos ver a luz ao final desta brétema de lendas e incertidume.

Tramo da muralla ciclópea

Podemos concluír que o castro do Alto dos Cubos, establécese como un dos asentamentos castrexos dentro da “fortaleza natural” que constitúe o Monte Aloia, e vinculado a lenda que percorre estes montes. Moitos aspectos quedan por resolver neste artigo, dende o simbolismo dos petroglifos do castro, ata a orixe da muralla ciclópea. De maneira modesta propoño unha serie de teorías, mais a historia terá a última palabra.

Coordenadas do Castro do Alto dos Cubos segundo Visor Sixpac:
Datum: ETRS89
Latitude: 42º 3´58.69” N
Lonxitude: 8º 3´43.05” W
Coordenadas X: 527.966,64
Coordenadas Y: 4.657.193,07

Coordenadas da Muralla Ciclópea segundo Visor Sixpac:
Datum: ETRS89
Latitude: 42º 5´ 11.21” N
Lonxitude: 8º 40´ 45.42” W
Coordenadas X: 526.524,98
Coordenadas Y: 4.659.424,33

O Castro do Alto dos Cubos e a Muralla Ciclópea en:

Ningún comentario:

Publicar un comentario