mércores, 27 de agosto de 2014

DOIRAU, O PRIMEIRO RIANXEIRO


No 1907 atopouse na parroquia de Araño, no concello coruñés de Rianxo unha lauda que se coñece co nome de “Estela de Doirau”.
Concretamente o lugar do achado coñécese co nome de Erbal do Codesal, a uns 400 metros ao Sur da estrada N-550, no vello camiño que une con Asados, a parroquia veciña. Estamos ante o que sería o primeiro veciño do concello de nome coñecido, e cuxo nome ten raíz celta.

Mapa A Castiñeiriña

Mide 2,43 metros de altitude. Como ben se pode ver na foto, a imaxe que máis destaca na pedra é moi tosca e de pouca calidade artística, cunha enorme nariz, unha boca diminuta e nunha actitude verdadeiramente estraña. É unha representación dun home, mais parece que ten peitos.

Foi reutilizada nunha sepultura tardia. Estaba en tres anacos formando a parede lateral dunha sepultura de pedras e ladrillos , xa que se di que a uns cen metros existiu a antiga Igrexa de dita parroquia, adicada a Santa Baia. A pesares disto hoxe consérvase íntegra no Museo de Pontevedra.

Estela de Doirau


Na metade superior, que consta dun frontón curvo, vése a figura masculina estante que suxeita no ombreito esquerdo un obxecto. Hai quen cree que suxeita polo brazo leva unha caixa de ferramentas, que transporta grao para o muiño, mais parece que se trata de querer representar o lado do colo e o contorno do brazo, levantando e dobrando este cara a orella, sen que se adiviñe a función do movemento. Viste túnica curta, e pernas e pés espidos apóianse nunha dobre arcada superposta.

Na parte inferior, a inscripción ten carácter cursivo nalgunas lias e está moi mal executada, acusa non só unha gran decadencia, senón unha torpeza extraordinaria e pouca habilidade, mais na que se pode intuir o nome do que hoxe se coñece como o primeiro rianxeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario