xoves, 5 de xuño de 2014

ACHADO DE ARTE RUPESTRE NA COVA DE LUMENTXA, BIZKAIA


Quixémonos facer eco dun importante descubrimento feito en Bizkaia, e concretamente na cova de Lumentxa, que se fixo público fai uns días. Trátase dunhas pinturas correspondentes a dous bisóns de 1,70 metros, e unha cabeza dun cabalo de menor tamaño pintadas en ocre vermello que se atopan ao fondo da dita cova situada na comarca de Lea-Artibai, con entrada á cavidade en Lekeito e parte do seu desenvolvemento en Ispaster.


Os achados foron descubertos polos arqueólogos Diego Garante e Joseba Rios no ano 2012 e dende entón levouse a cabo un continuo e necesario traballo de investigación nas pinturas até poder facelas públicas.

As imaxes representadas asocianse coas actividade artística do Magdalenense, do Paleolítico Superior, polo tanto calcúlaselle unha antiguidade de entre 14000 e 12000 anos a.C. A arte parietal paleolítico repártese ao longo de todo o período, porén no Magdalenense é moito máis abundante e as súas características están moito máis desenvolvidas.

Ademais os estudos realizados en Lumentxa permitiron identificar un certo número de manchas e puntos dispersos por toda a cova, e o deposito ocre empregado para facer as representacións e unha ferramenta de sílex incrustada nunha fenda da parede.


A cova é unha sucesión de cambios de orientación máis ou menos estreia segundo se avanza. Porén o recinto no que se atopan as pinturas dos animais é unha especie de sala de visionado das propias representacións delimitada por dous grandes bloques desprendidos que illan o recinto do eixo principal da cova. Sobre estes bloques desprendidos foron pintados os animais adecuando a forma destes ás pedras. Os dous bisóns foron realizados de tal maneira que a liña dorsal ven indicada polo límite superior do bloque de pedra, de forma tan expresiva que non necesita pintura.

Moito lle preocupou ao artista do Paleolítico a expresión de volumes dende as mesma orixes da arte. Con bo ollo, foi capaz de sacarlle partido aos relevos naturais da rocha imaxinando nela un bo número de formas dende a súa fantasía creadora, era un artista primitivo no tempo mais non no pensamento e nos medios.

Google+

Ningún comentario:

Publicar un comentario