martes, 24 de xuño de 2014

O CASTRO DA TROÑA

Vista aérea do Castro da Troña

Neste artigo falaremos do caso do Castro de Troña, situado na ladeira dunha montaña na parroquia de Pías, no concello de Ponteareas, sendo así un dos máis destacados da zona e equiparable a outros castros de localizacións máis meridionais da provincia de Pontevedra, na que nos situamos. (Ver no mapa de Pescudas)
Os acesos ao complexo arqueolóxico son diversos, e múltiples estradas secundarias desembocan no dito lugar, mais aquí mostramos as vías máis rápidas de chegada dende case o centro de Ponteareas. A partir da rotonda sita na Avenida Castelao, 54 pódese ir polas dúas estradas secundarias marcadas en gris ou pola PO-254, marcada en azul no mapa, pola cal habería que desviarse cara a dereita antes de chegar a Mondariz-Balneario, e conducir por unha estrada estreita, pavimentada e en pleno monte. Outra vez tornarase a dereita, dende esta estrada, e chegarase ao xacemento, quedando este ao marxe dereito, e o cal ten na súa entrada uns paneis informativos sobre o castro.

Accesos ao Castro de Troña (en vermello, a situación do castro)

Entrando en materia, este castro tivo evidencias de ocupación dende o século VI a.C., cando se edifica a primeira das murallas e as vivendas de pedra, mais a posibilidade de que este emprazamento estivese ocupado con anterioridade non se descarta, aínda que os restos desta época non se conservan debido a súa orixe vexetal. Esta poboación acadaría o seu apoxeo entorno aos séculos I a.C. e I d.C., evidenciado este feito coa ampliación do asentamento cara o sector oeste e noroccidental a nivel habitacional e coa conseguinte creación dunha segunda muralla que salvagardase a poboación nesta zona. Esta ocupación lévase a cabo nun terreo máis cha e baixo que o asentamento orixinario, o cal pola súa contra ocupa un pequeno alto, no que emerxe a rocha nai do terreo, sendo así en parte zona non edificable para os castrexos. Finalmente, o castro sería abandonado no século II d.C. coa chegada definitiva dos romanos, e os habitantes do castro probablemente marcharon cara o río Tea, onde os alimentos eran máis abundantes e sinxelos de adquirir. Ademais, podemos destacar a panorámica que obtén a localización do xacemento, aínda que na actualidade esta rodeada de piñeiros e eucaliptos que limitan a visión cara o flanco occidental, ao igual que a súa situación na ladeira dunha montaña, e non no seu cumio, fomenta esa limitación. Malia todo, na cronoloxía que nos compete, divisaríase parte da actual cidade de Ponteareas, ademais de parte de Mondariz-Balneario e as zonas contiguas ao xacemento situadas nas zonas baixas da súa área.

Vistas dende o castro
Con esta pequena descrición do emprazamento e cronoloxía xeral, podemos albiscar varios aspectos destacados deste castro con respecto a outros. Así, temos en primeiro lugar as murallas construídas, que deixan a súa impronta no xacemento e aínda se conservan en parte, chegando a medir no seu tempo, ámbalas dúas, uns cinco a un metro de grosor e uns dous ou cinco metros de alto, dependendo da súa situación. Na muralla máis antiga, atopámonos cun torreón no seu sector oriental, na entrada principal do castro, que destaca por ser un dos poucos feitos no Noroeste da Península Ibérica. Con isto, debemos resaltar a función de delimitación do espazo que exerceron as murallas e non só de protección dos poboadores, un dos aspectos que denótase coa creación da segunda muralla en Troña, que acota a nova poboación crecente e non tanto pola ameaza de outros pobos, xa que na maioría dos casos a guerra era un feito ritual e non de control de territorio, sobre todo coa chegada dos romanos e a maior estabilidade que se xerou.

Muralla antiga do sector nororiental

Segunda muralla no sector occidental (demarcando o via crucis)

Así, outra das medidas defensivas do castro, moi frecuente nos asentamentos castrexos, foi a creación de fosos, na súa parte oriental, que bordeasen a entrada, e ao longo do perímetro do castro, que terían entorno a uns dezaoito metros de fondo e uns dez metros de ancho, e na actualidade gran parte deles son imperceptibles na súa parte occidental e meridional, estando só en parte descuberto o atopado na parte oriental. Ademais, na parte nororiental, atopamos unha serie de parapetos feitos cunha mestura de pedras e terra duns seis metros de lonxitude e tres metros de alto, case imperceptibeis pola vexetación existente.

Foso da parte oriental ( Defendendo a entrada principal do castro )

Outro aspecto, sería o petroglifo da serpe, chamada a “Serpe de Troña”, atopado preto da entrada principal e nunha pedra de sacrificios, cunha canle que permitía discorrer o sangue polo dito petroglifo. Así, pódense afirmar os rituais que puideron levarse a cabo neste lugar para ofrecer ao poboado paz e tranquilidade, xa que a figura da serpe vincúlase a forma dun río, e dentro do imaxinario castrexo, a auga, conxuntamente co sol, son símbolos de protección das vivendas, e relacionados a súa vez co mundo celta que plasma un mesmo pensamento. É con estes símbolos cos que os xefes castrexos deixan enmarcados as súas percepcións relixiosas sobre o poboado, en base a uns valores herdados dos seus devanceiros e fundamentados no culto a natureza.

Petroglifo "A Serpe de Troña"

Outro dos apartados a resaltar é a ubicación da capela do Doce Nome de Xesús, sita na cúspide do castro, servíndose dunha posición xerárquica fronte o mesmo, e edificada no século XVIII, cando aínda o castro non fora descuberto nin escavado. Esta sinxela ermita de estilo barroco, no só lle da o nome ao devandito emprazamento onde se ubica, senón que tamén dota de vida ao silencioso lugar durante os días de romaría, sendo estes o terceiro domingo de Xaneiro e o día seis de Agosto. Este edificio consta dunha soa nave, uns pequenos contrafortes no exterior, unhas poucas e diminutas xanelas, e esta conformado por unha bóveda de canón, un arco de medio punto rebaixado, unha dobre sacrístia e unha fachada con espadaña. En relación coa dita capela temos dous cruceiros nos arredores e un via crucis, polo que se leva ao santo en procesión nos días de festa, e o cal  bordea a segunda muralla e pasa a  segunda entrada do castro, sita na parte noroccidental, na parte baixa, e cruza así o xacemento dende a dita entrada ata chegar a capela. Ao lado da dita capela, tamén nos atopamos cunha fonte do século XX, realizada en 1906 e que seguramente servía de abastecemento de auga para os veciños de Pías, ademais dun pilón da mesma época onde lavar a roupa. A nivel anecdótico, pero destacado, as marcas de canteiros galegos do século XX aparecen en case tódolos xacementos pescudados, debido a necesidade de extracción de pedra realizado nestes lugares, que serviron a moitos como “canteiras arqueolóxicas”. É así que intentaban rachar a pedra mediante a introdución de barrenas na mesma, e co uso da forza humana, xerar unha brecha, que permitise dividir a pedra para facilitar a súa extracción, mais os canteiros fracasaron nalgunhas ocasións e deixaron estas características marcas en diversos xacementos galegos.

Capela do Doce Nome de Xesús

Fonte de 1906

Pilón do século XX

Marcas de canteiros do século XX

Deixando a un lado as peculiaridades, podemos ver a morfoloxía do castro, o cal disponse en forma elíptica, tendo uns 150 metros de longo, de Norte a Sur, e uns 200 metros, de Este a Oeste. Mostra ademais unha estrutura urbanística caótica, como semellan o resto de castros, debido a falta de organización e de rúas que distribúan as edificacións en barrios cun certo orde. Xunto a isto, a expansión demográfica que sufriu Troña non levou consigo unha planificación do territorio colindante, mais o que se denota no mapa adxuntado é a inxente diversidade de formas das vivendas, tendo edificacións elípticas, como o alxibe na entrada do castro, circulares, cuadrangulares e rectangulares. Aínda así, a maioría das aproximadamente 30 vivendas que atopamos descubertas no castro mostran unha planta circular, cuns cinco metros de diámetro de media, debido a crenza xeralizada sobre que o espíritos malignos habitaban nas esquinas, mais os castrexos sabían facer edificios cuadrangulares e rectangulares, aínda que a súa realización era máis complexa. Ademais, os edificios circulares eran máis aproveitables que os que tiñan esquinas, xa que ningún espazo queda morto e ocúpase todo uniformemente. En tanto aos edificios cuadrangulares e rectangulares, estes son produto da romanización e do contacto cos romanos, que denótase máis nas novas zonas de habitación que se xeran tras o I século a.C. coa expansión do castro. 

Vista aérea do castro (Google Maps)

Desta maneira, vemos unha urbanización arredor do cumio e que descende pola ladeira, xerando estreitas rúas e zonas cunha masificación construtiva na periferia e zonas despoboadas cara o centro do castro. Ademais, a xerarquización social denótase nas construcións, cando  estas xeran recibidores na parte dianteira, diferenciándose dos outros edificios e mostrando maior investimento de tempo e materiais para a súa construción. Tamén, a nivel construtivo, as cabanas requerían o emprego de múltiples materiais, como a pedra para a cimentación e paredes da vivenda, e a madeira, argamasa e palla para a xeración da cuberta, e o interior lucíase con tons brancos ou terra, os cales protexían das humidades.

Restos dunha vivenda cuadrangular (Parte baixa)

Separación escasa entre vivendas

Alxibe da entrada (Vivenda elíptica)

Conxunto de edificios circulares e via crucis ao fondo (Parte baixa)

Coma noutros castros, atopámonos con canalizacións de auga, alxibes, que acumulan o grao provinte dos muíños da zona, e dos muíños fixos dentro do castro, feitos nas rochas para moer o grao, escaleiras de aceso que comunican a parte baixa do castro coa alta, ademais de numerosos materiais das escavacións levadas a cabo. A primeira, foi realizada por Luis Pericot e Cuevillas en 1929, e na que se atoparon restos de cerámica, alfinetes, fíbulas, machadas de ferro, colgantes e moedas romanas, falándonos así do contacto crecente cos invasores romanos. En 1949 nomean a esta citanía como Monumento Histórico-Artístico. Tras cincuenta anos de abandono da escavación, Jose M. Hidalgo Cuñarro retoma os traballos en 1981 e remata en 1992, quedando o xacemento tal e como o vemos hoxe en día. Tódolos obxectos atopados nas ditas escavacións reparatíronse entre dous museos, o Museo Municipal de Ponteareas e o Museo Arqueolóxico de Vigo.

Muíño circular (Preto do petroglifo da serpe)

Canalizacións de auga (Preto da entrada principal, Leste)

Escaleira de acceso (entre a parte baixa e a alta)

Vista da inclinación da colina

Todos os datos acadados no xacemento fannos interpretar a vida cotiá e doméstica dos habitantes. O fogar sería o epicentro da vida doméstica, o lume que se acendía no chan cuns fachos e herbas, onde se cocían os alimentos e se facía vida social relatando os sucesos diarios dos co-habitantes. Dentro das vivendas facíanse estantes onde se gardaban as cerámicas características dos castrexos e toda clase de útiles, dende os domésticos ata xoias e armas. Ademais, a nivel económico, realizaríanse actividades de carpintería, ourivería, comercio, co cal se difundiu a moeda no xacemento, téxtil, fundición, e unha subsistencia fundamentada na agricultura fora do recinto do castro, xunto coa gandería e a recolección de froitos que complementaría a dieta diaria dos habitantes.

Vivenda con fogar no centro

Para rematares esta pescuda, podemos determinar o estado de conservación do xacemento, en base a visita realizada en verán do 2013 polo redactor deste artigo. O xacemento atópase bastante ben conservado con respecto a outros, coma o Castro do Alto dos Cubos no Monte Aloia ou o castro do Faro de Budiño no Porriño, mais os restos de lixo no xacemento, os carteis informativos guindados ao chan e o mal estado das vivendas do sector suroccidental, son aspectos cos que me atopei cando o visitei. Con respecto a estas vivendas, estan rodeadas de follaxe dos eucaliptos e de vexetación por doquier, sendo case imperceptibeis senón fose porque aínda manteñen parte da cimentación, que soia ser no seu tempo, incluso tan profunda como a altura da vivenda dende o nivel do chan. Esta parte é a mais descoidada do xacemento e tal e como a atopei corre risco de desaparecer no caso de que un incendio acontecese no lugar.

Vivenda cuberta de vexetación (Sector Suroeste)

Panel informativo guindado ao chan

Vivenda a medio descubrir e tapada pola vexetación (Sector Norte)

Con este artigo non só se pon en consideración o valor patrimonial de Galicia a nivel arqueolóxico, co exemplo do Castro da Troña e outros xacementos máis que se relataran neste blog, senón tamén a toma de conciencia por parte de todos dos perigos que corre a arqueoloxía nos nosos días, xunto cos xacementos xa descubertos ou susceptibles de seren estudados. Malia todo, o Castro de Troña é un magnífico xacemento, nunha posición privilexiada a nivel xeográfico e unha experiencia de contacto co pasado que non se olvida.

Croquis e ruta polo xacemento

Conxunto de vivendas circulares e a "Serpe da Troña" ao marxe dereito

Vivendas do sector Sur

Vivendas do sector Norte

Localización do Castro de Troña, usando o Visor Sixpac:
Datum: WGS 84
Latitude: 42º 12´ 50,48”
Lonxitude: 8º 29´ 23,41”
Coordenadas X: 542.108,63
Coordenadas Y: 4.673.665,26

O Castro da Troña en:
Google+

Ningún comentario:

Publicar un comentario